A escola conta con actividades de todo tipo e para todas as idades. Do eido do folclore galego impártense clases de baile tradicional galego, gaita, pandeireta e canto. Tamén acordeón, percusión e clarinete. Do eido das artes plásticas ofrécense clases de debuxo, pastel, óleo e acuarela; e outras actividades como pilates, bordado ao aire e guitarra.
As actividades son para todos os públicos, desde os 3 anos en diante. Para nenas e nenos de 3 a 6 anos, a Asociación conta cun programa lúdico-educativo que leva por nome “Gorechos”. Este programa baséase en aspectos da cultura tradicional galega e presenta dous obxectivos principais: por unha banda, iniciar a aprendizaxe do folclore galego e das artes plásticas e escénicas, e pola outra, favorecer o desenvolvemento integral da nena ou neno, nos ámbitos motor, afectivo, cognitivo e social.
Os grupos de baile e pandeireta da Asociación asisten a diferentes concursos organizados por outras Asociacións de Galicia co fin de preservar o noso folclore e exhibir o que aprenderon durante o curso. Varios grupos da Asociación acadaron importantes premios e distincións a través da participación nestes concursos. Cómpre destacar tamén a participación destes en actuacións de programas de televisión, non só da comunidade senón do Estado, así como a súa participación en actuacións de carácter benéfico.
Cabe salientar o labor de difusión da cultura tradicional que leva a cabo a Asociación, non só a través do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina, senón tamén mediante o traballo que realizan os mestres de música e baile tradicional a través das clases que imparten en diferentes escolas, centros cívicos e Asociacións da nosa comunidade e fóra desta.