Dende o ano 1981 a Asociación Xuvenil Xacarandaina organiza de xeito ininterrompido e con carácter de exhibición o
Día da Muiñeira, sendo unha das pioneiras en Galicia e na provincia de A Coruña. Neste evento poden participar todas
as asociacións e centros que o desexen, dende asociacións de veciños a colectivos parroquiais ou deportivos.
O obxectivo deste acto e ensalzar a danza máis representativa e característica do noso pais, a muiñeira, así coma
implicar na mesma ao gran público, moitas veces descoñecedor ou desarraigado da súa cultura máis popular. E por suposto,
queremos do mesmo xeito compartir unha tarde festiva con toda a xente que así o desexe.
Os Xardíns de Méndez Núñez, en pleno centro da cidade, acollen cada ano ao redor de 600 rapaces e adultos de toda Galicia
que interpretan tres muiñeiras consecutivas de xeito simultáneo. A participación do público é fundamental e chegan a
reunirse unhas 3000 persoas.
O acto comeza cun desfile e pasarrúas a cargo de todos os grupos e asociacións dende a Praza de María Pita ata os Xardíns
de Méndez Núñez. Unha vez alí un pregoeiro ou pregoeira vinculado ao mundo do noso folclore da a benvida aos participantes
e abre a celebración. Unha solta de grobos e o lanzamento de bombas de palenque danlle ao momento o aire de festa que o
caracteriza e son o sinal para que comece o baile. O noso desexo é que participe tamén o público asistente, e con ese motivo
sempre se botan unhas pezas máis. Cada asociación recibe un recordo conmemorativo da súa asistencia, como agradecemento pola
súa desinteresada colaboración ao acto e a nosa cultura.
O peche do Día da Muiñeira corre a cargo do Grupo de Música e Baile Tradicional Xacarandaina, que interpreta danzas e pezas
de músicas recollidas ao longo do ano na súa labor de investigación e traballo de campo por toda a xeografía galega.
O Día da Muiñeira é un dos nosos actos máis abertos e populares, e pola tradición que leva un dos que nos fan sentir máis orgullosos,
mesmo dentro da súa sinxeleza e proximidade, que é a clave do seu éxito, tanto de participación como de público.